viernes, 20 de junio de 2025

Fin dun curso inesquecible coa Celtic Crew

 

O curso 2024-2025 chega ao seu final… e non podía facelo doutra maneira que entre risas, natureza e amizade, coa nosa visita ao parque de Marikiná, aquí en Vigo.

Foi a maneira perfecta de poñer o broche de ouro a un ano cheo de experiencias, aprendizaxes e emocións. Un ano no que non só aprendemos materias, senón tamén a ser grupo, a coidarnos, a escoitarnos, a medrar xuntos. Un ano no que construímos algo que vai moito máis alá das paredes dunha aula.

Desde a primeira semana soubemos que esta clase era especial. A Celtic Crew fixo honor ao seu nome: remamos sempre xuntos, cada un coa súa forza, cos seus ritmos, coas súas ideas. Creamos historias, debatemos, filosofamos, xogamos, escribimos, gravamos podcasts, viaxamos, cociñamos, bailamos… e sobre todo construímos comunidade.

A saída de hoxe ao parque de Marikiná foi moito máis que un paseo ou unha excursión: foi un símbolo. Eu non puiden acompañalos esta vez, porque non me tocaba ir, pero sei que o pasaron en grande, como corresponde a un grupo que soubo desfrutar de cada momento xuntos. Porque cando un curso deixa pegada, non se esquece: mantense vivo no recordo, nas amizades e no que cada un levou consigo.

Grazas a todas as familias, ao equipo do colexio, e sobre todo a cada neno e nena que fixo posible este curso máxico. Que nunca se esquezan do que fomos:

A clase máis extraordinaria do mundo!

💚 Celtic Crew para sempre.