Benvidos e benvidas ao noso espazo no blog da clase! Este trimestre vén cargado de ideas e proxectos persoais nos que podedes participar, explorar e brillar. Aquí deixámosvos un pequeno resumo das iniciativas dispoñibles para que atopedes aquela que vos apaixone.
Celtic Master Chef
¿Sodes uns/as auténticos/as chefs? Pois chegou o momento de demostrar as vosas habilidades na cociña. Inscríbete no noso concurso onde traballaremos a nutrición de forma divertida, un chisco de xeografía, e pratos cun toque de creatividade culinaria. Ademais, será unha oportunidade para compartir momentos únicos cos vosos compañeiros/as e coas familias.
Biografías e walking biography
¡As biografías nunca pasan de moda! Podedes investigar sobre personaxes históricos ou actuais que vos inspiren e encher o corredor da escola coas vosas historias. Para os/as máis atrevidos/as, animádevos cunha walking biography, como aquela inesquecible sobre Blas de Lezo. ¿Quen será o próximo protagonista? Lembrade revisar a estrutura e os apuntamentos para facelo ben.
Inglés: Interviews Ping Pong
En inglés tamén temos moitas posibilidades! Podedes practicar e crear entrevistas tipo "ping pong", con preguntas e respostas rápidas. Xa tedes modelos de scripts (guións), tipos de preguntas e moitas ideas para comezar. Este proxecto é perfecto para practicar a fluidez, a pronunciación e a creatividade. Sen o guión non hai gravación, xa o sabedes.
Ecopreguntoiro
Estamos inscritos no Ecopreguntoiro, unha oportunidade fantástica para aprender máis sobre economía sostible e outros temas sociais. Reflexionaremos sobre o noso impacto no medio ambiente e pensaremos en como facer un mundo mellor, paso a paso. E quen sabe se non imos en xullo ao parque acuático de Cerceda!
Ciencia e a Science Fair
Para os amantes das ciencias, temos resumos preparados sobre as funcións vitais e os aparatos e sistemas implicados. De aí poden xurdir experimentos sorprendentes que presentaremos na nosa Science Fair. Non hai mellor maneira de aprender que investigando e compartindo o que descubrimos! Animádevos porque se cadra hai premios.
Proxectos de Sociais
Por último, sociais tamén nos ofrece grandes posibilidades. Co resumo da unidade, podedes desenvolver proxectos persoais que expliquen temas de xeografía, historia ou economía de maneira creativa e divertida. Sempre hai curiosidades que os demais están desexando escoitar.
Lembrade que os vosos proxectos non só enriquecen a vosa aprendizaxe, senón que tamén aportan valor á clase. A vosa curiosidade e esforzo son fundamentais para que todos/as aprendamos xuntos/as. Estou desexando ver todas as marabillas que ides crear neste trimestre. ¡A por todas!

No hay comentarios:
Publicar un comentario