Resumo da Semana da
Celtic Crew
Bos días! Somos Lucía, Sara e Luck, e
queremos compartir convosco o resumo da nosa semana na clase Celtic Crew.
Luns: Comezamos
a semana cun concurso moi especial: The Celtic Chef! Cada un de nós tivo
que expoñer e cociñar un prato típico dun país, pero con dúas condicións: debía
axustarse a unha dieta específica e superar un pequeno hándicap. Foi unha
actividade divertida e desafiante, onde aprendemos moito sobre gastronomía e adaptación
de receitas.
Martes: Algunhas
persoas da nosa aula fixeron a recuperación do exame de matemáticas. Ademais,
asistimos a unha charla moi interesante sobre os impostos en España, onde
comprendemos mellor como funcionan e para que serven os tributos que pagamos.
Non é maxia, son os teus impostos...
Mércores: En inglés
tivemos un gran reto: 66 apartados que puxeron a proba os nosos
coñecementos e habilidades na materia. Un auténtico desafío que nos fixo
traballar e poñer en práctica as nosas capacidades.
Xoves: Foi un día
de aprendizaxe e exposicións. Algunhas compañeiras e compañeiros presentaron os
seus libros favoritos, compartindo historias e recomendacións de lectura.
Ademais, Nora sorprendeunos cunha exposición sobre o valor dos obxectos,
facéndonos reflexionar sobre a súa importancia máis alá do material. Tamén
falamos sobre as fake news e como identificalas, aprendendo a recoñecer
información falsa nos medios de comunicación.
Venres: Iniciamos
o Ecopreguntoiro, relacionado co tema 2 de Ciencias Sociais. A
continuación, varios compañeiros e compañeiras entregaron as narrativas de
lingua galega. En educación física, gozamos dun tempo de xogo libre, onde
tivemos a liberdade de escoller entre fútbol, baloncesto e outras opcións. Ao
final da xornada, aqueles que non remataron o traballo de plástica levárono
para casa. Como broche final, tivemos unha charla sobre Rosalía de Castro, na
que aprendemos máis sobre a súa vida e obra. Seguimos destapando fakes e
falamos da operación de falsa bandeira, dos casus belli ou detonantes da
guerra e de como USA lle quitou Cuba a España en base a unha fake news
propagada polo xornalista Pulitzer, entre outros. Coñecemos a canle de YouTube
chamada Lo que no te cuentan los libros de historia e aproveitamos tamén
para informar da importancia das NARRATIVAS e de como imos ter que tomar
os nosos propios apuntamentos para o traballo do seguinte tema de naturais e
sociais, así que toca poñerse as pilas.
Boa finde e a seguir hunting fake
news!

No hay comentarios:
Publicar un comentario