Resumo semanal da Celtic Crew
Esta semana comezamos co resumo semanal, unha actividade que consiste en recoller os feitos máis relevantes que ocorreron durante a semana. Cada grupo de traballo encargarase de redactalo de forma rotativa. Esta primeira semana foi moi intensa, chea de actividades e aprendizaxes.
O luns, tivemos unha proba de inglés sobre verbos, onde debiamos estudar os vinte verbos da ficha que se nos entregou a semana pasada. Tamén nos explicaron en que consiste The Big Challenge, un concurso de inglés que se celebrará en abril e no que teremos que demostrar as nosas habilidades.
O martes, anunciaron o concurso de xadrez e votamos para elixir os representantes: Sergio, Daniel e Roque. O concurso terá lugar o xoves. Ademais, en inglés traballamos as wh-questions e os verbos no pasado, facendo actividades prácticas para reforzar estas competencias.
O mércores, fixemos o exame de matemáticas e, posteriormente, estivemos preparando unha divertida parodia da canción El Mambo. Ademais, seguimos avanzando coas últimas revisións para o exame de galego, que abarca as unidades 2 e 3, consolidando conceptos e practicando.
O xoves, a primeira hora participamos nun simulacro da cadea humana que realizaremos o día 25 deste mes. Despois, algúns de nós estivemos creando un mural co lema "com cada abrazo, ensanchamos el alma", que quedou moi creativo. Para rematar o día, celebramos o aniversario da nosa compañeira Carmen.
O venres, tivemos a sorte de asistir a unha charla con Francisco Castro, autor dun libro moi especial sobre o Alzheimer. Explicounos as razóns que o levaron a escribir a obra e emocionounos moito coa súa historia. Ademais, dedicamos tempo a ultimar os preparativos para o acto do 25N e completamos a unidade de Sociais sobre os climas. Estamos contentos de ter rematado esta parte, xa que agora comezan os ensaios intensivos para a obra de teatro.
Foi unha semana chea de aprendizaxes e actividades variadas. Estamos avanzando moito e preparándonos para os retos que veñen!
EQUIPO 1: CARMEN, LUCAS LORENZO, UXÍA.

No hay comentarios:
Publicar un comentario