Crónica dunha remontada épica nin moito menos anunciada.
Hoxe vivimos unha experiencia inesquecible no
Ecopreguntoiro, o concurso de preguntas sobre ecoloxía e sustentabilidade de
Radiovoz. Saímos camiñando dende o colexio, atravesando a cidade con emoción e
ansia, dispostos a dalo todo no estudo de RadioVoz, na redacción de La Voz
de Galicia.
Ao chegar, recibíronnos amablemente e agardamos nunha sala,
onde os nervios ían en aumento. Cando chegou o momento, os nosos
representantes, Candela, Carmen, Antía, Nora e o noso voceiro Lucas, accederon
ao estudio para probar o son e conectar coa emisión en directo, mentres o resto
do equipo agardaba na "peceira", onde se sitúa o técnico de son.
O concurso comezou con moitos nervios. Non conseguimos
acertar a primeira pregunta e os rapaces de Ourense aproveitaron o rebote para
coller vantaxe. Eles tamén acertaron a súa primeira pregunta, e cando chegou a
nosa segunda quenda, volvemos fallar, o que deu aos nosos adversarios outra
oportunidade de sumar puntos. Con 4-0 no marcador, a tensión era palpable.
Pero entón chegou a pregunta SOGAMA, que vale dous puntos.
Conseguimos acertala, poñéndonos 4-2 e aliviando a presión. Eles erraron a súa
e nós aproveitamos o rebote para igualar o marcador: 4-4! A emoción estaba no
aire e a loita seguiu igualada ata o final.
Na última pregunta, a famosa pregunta das pistas, todo
estaba en xogo. "Son cousas moi pequenas", dixo o presentador.
Intentamos con "células", pero non era correcto. Ourense respondeu
"gametos" ante a segunda pista, "cumprem unha función
específica", pero tampouco era a resposta. Chegou o momento decisivo:
"teñen forma estrelada". En canto escoitamos a pista, reaccionamos
rápido: "Neuronas!". E fíxose o silencio. Segundos de incerteza. E
entón... Correcto!
A explosión de ledicia foi inmediata. Gañar foi como ver ao
Celta avanzar en Champions! Pero non por iso esquecemos a deportividade:
felicitamos aos rapaces de Ourense e agradecemos a oportunidade de participar
nesta experiencia única.
No camiño de volta, fixemos unha parada nun parque para
celebrar, relaxarnos e repoñer forzas tras o intenso desafío mental. Xa no
cole, decidimos gastar unha pequena brincadeira dicindo que non pasaramos de
rolda. Todo ía ben ata que Roque, incapaz de conter a emoción, exclamou:
"Estamos na seguinte rolda!".
Un día inesquecible que quedará gravado na nosa memoria.
Agora, toca prepararse para o seguinte reto!

No hay comentarios:
Publicar un comentario